A igrexa parroquial de Santa Olaia de Soaserra é un pequeno edificio de planta cadrada con capela rectangular nun lateral. A fachada remátase cunha espadana de dúas campas fabricadas no 1877 e 1932 respectivamente. Xusto sobre o lintel da porta principal apréciase un cáliz labrado en pedra coa inscrición ES DE REFUGIO 1832. No exterior tamén se conserva un pequeno reloxo de sol do ano 1856.
No interior destaca o retablo maior de madeira policromada e unha cruz procesional de prata repuxada dos séculos XVII ou XVIII, procedentes do mosteiro de san Xoán de Caaveiro.
Próxima á igrexa de Soaserra hai unha fermosa fonte con lavadoiro, que se localiza ao carón dun camiño desde o que parte unha ruta circular de 13 quilómetros que se adentra no parque das Fragas do Eume pasando polo mosteiro de Caaveiro.
Parroquia: Santa Olaia de Soaserra
Lugar: O Igrexario
Coordenadas: 43.4262, -8.09495.
Acceso: Saíndo desde a marxe dereita da ponte sobre o río Eume, tómase a estrada AC-564 en dirección nordeste. Despois de sete quilómetros vírase á dereita no lugar de Lavandeira. Continúase por esta vía e dous quilómetros máis adiante chégase á Igrexa de Soaserra.
Accesibilidade: Pódese chegar en vehículo ata a zona exterior da igrexa de Regoela onde hai unha zona ampla para estacionar.
Puntos fortes: O retablo maior policromado procedente de Caaveiro.
Puntos débiles: O templo permanece pechado excepto durante os exercicios relixiosos.
.